martes, 30 de septiembre de 2014

Esta canción compúxoa e escribiuna despois de que a súa moza ( a da casa, non a dos concertos) tivera un fillo. O amor case o salva( case) porque en realidade só sentía compaixón non amor. Si, certo unha compaixón na que tamén tiña cabida o cariño e a calma de atopar a alguén no fogar. Esto é xogar a dúas bandas, e como din en Franza quen ten máis dunha muller perde a alma. Ou cando menos esta fragmentase e no mellor dos casos divídese. O video de Love will tears us apart, é case como un concerto para ninguén ó que chegamos cando alguén nos abre a porta deste espazo no que o grupo está a tocar. Sós.

lunes, 29 de septiembre de 2014

O seu grande éxito A garota de Ipanema foi reinterpretado por  moitos músicos a nivel internacional. Antonio Carlos Jobim, nace en Rio de Janeiro e morre a finais do século pasado. Stone Flower( 1970) é un albume que respeta a tradición da bossa nova a través dunha edificación sonora preparada con receitas de jazz ( sempre tiveron nexos de unión) e que nos convida a deixarnos deleitar por un sabor agridoce. Jobim multiinstrumentista- piano, guitarra, vento- elabora un disco sobrio o cal oscila entre o triunfalismo e a perda. "Vou voltar" , un tema no que el tamén canta, é  unha declaración de intencións( amorosas).

viernes, 26 de septiembre de 2014

Mali independizouse de Franza no ano 1960; 30 máis tarde saía o disco The river. O seu autor é considerado un dos músicos máis importantes da áfrica negra. Foi o único supervivente de 10 irmáns, e foi chamado farka pola súa tenacidade ( significa asno na  língua nativa dos territorios do norte do país). Á música de raiz engádelle elementos do blues interpretados a través da guitarra eléctrica pero asimesmo toca instrumentos propios de África como a cabasa. Obtivo éxito internacional gañando 2 grammys na sección de músicas do mundo.

jueves, 25 de septiembre de 2014

Afro é o séptimo albume de Dizzy Gillespie, do ano 1953. Este músico nace e morre en USA e, ao longo da súa traxectoria, foi un dos que máis experimentaron con fórmulas mixtas de jazz moderno. Sempre coa herdanza afroamericana presente nos seus traballos achégase a música cubana e colabora con músicos de Cuba. Importante foi o seu encontro con outro dos grandes, Charly Parker con quen tamén tocou. A trompeta en Afro é sólida e delicada e lévanos de paseo por outros mares durante pouco máis de media hora na que estamos expostos á presencia de sons que tamén nos poden facer bailar.

miércoles, 24 de septiembre de 2014

Damon Albarn non é novo nisto, nisto da música queremos dicir. Xa en solitario sorpréndenos ( sorpréndenos?) cun albume no que a súa voz disfruta do deleite e da simbiose cos demáis instrumentos, e tamén estos producto duns arranxos máis que delicados, teñen moito que dicir. Everyday Robots, soa fresco e sendo intimista revélanos que estamos diante dun verdadeiro autor, que canta a un "you" que eterno descubre detrás a un suxeito femenino. As veces hipnótica, e postsicodélica, pode ser un elemento especial para unha cea para dous.

martes, 23 de septiembre de 2014

Tornado tropical que leva ventos cálidos. Así soa Blues and roots ( 1960), unha manifestación extrema da natureza que asolaga unha illa enteira: a da nosa percepción sonora, posicionándonos na parte duns ouvintes que asumen o fulgor que vén das cordas do contrabaixo durante pouco máis de 30 minutos nos que a cadencia se eleva e descende á manerira dunha montaña rusa. Escoitamos o son das voces que claman por  un lugar no repertorio, berros catárquicos que ocupan o lugar de remuíños, mesmo de tronos que acompañan esta tempestade. E por momentos volve a calma.

lunes, 22 de septiembre de 2014

O azar é esa motivación curiosa da vida que vén da man do non reglado. Dadá, nome do movemento artístico, foi escollido ao azar por Hugo Balls o seu fundador dun dicionario francés e  significa cabaliño de xoguete. O Cabaret Voltaire nace e ten como vocación o divertimento xa que, segundo os seus compoñentes interpretan, é a diversión a fin da nova humanidade. E tamén, como non, a sorpresa. Balls ante os membros de dito cabaret presenta en 1916 un poema recitado por el constituido por fonemas e interxeccións sen significado, sendo unha oda á plasticidade do son.

viernes, 19 de septiembre de 2014

O cusbismo foi un movemento iniciado en 1907 por Picasso entre outros. Segundo este pintor non tiñan a intención de facer cubismo senón que simplemente sacaban o que tiñan dentro. Pódese dicir que durou ata 1914, non obstante perdurou na historia xeral da pintura. Para os críticos da época era un tipo de pintura formada por cubos, de aí o nome e ademáis foi o primeiro movemento que precisou de exéxese por parte desta crítica, definíndoo ó mesmo tempo que a realización dos lenzos. Nunha época na que a teoría da relatividade invade todos os campos, incluso o artístico, esta pintura proclama o dinamismo da humanidade.

jueves, 18 de septiembre de 2014

Dende 1911 ata 1913 desenvólvese o grupo pictórico O xinete azul. Entre os seus membros destaca Kandinsky que asimesmo foi o fundador. Os artistas deste movemento transformaron o expresionismo alemán e miraron cara a arte oriental, o medioevo e o primitivismo . Con todo tamén se influenciaron mutuamente  co fauvismo e o cubismo, coetáneos. Realizaron dúas exposicións colectivas en Alemaña- que máis tarde serían itinerantes- contando coa presenza de pintores como Robert Delaunay ou Henry Rousseau.

miércoles, 17 de septiembre de 2014

Os amantes de Magritte é unha das súas obras máis valoradas realizada no ano 1928 en pleno desenvolvemento do surrealismo. Este autor belga chamado René firma case unha vintena de obras que se asimilan a este movemento artístico.Nesta, en Os amantes retrata a un home e unha muller separados por un veo que non os deixa verse. Se cadra así son todos os amantes: imposíbel de ollarse verdadeiramente pois todos poñemos un algo que nos enmascare. René pretendía que os seus espectadores se fixeran hipersensitivos á súa pintura e tamén por extensión ó entorno.

martes, 16 de septiembre de 2014

Figuras xunto o mar ou O bico ( Picasso 1931) é un lenzo de grandes dimensións que pode parecer unha escultura xa que achamos elementos dinámicos e grandes trazos na composición das figuras. Dende 1920 Picasso levaba experimentando coas formas ata afastarse do modelo natural e traballa en consonancia co surrealismo da época. Así as persoas redúcense a pezas esféricas das que deducimos as partes corporais como a cabeza, as pernas ou os brazos que forman un todo pero con falta de cohesión dando cabida á   imaxinación para completalas.

lunes, 15 de septiembre de 2014

Mulleres correndo pola praia é un lenzo de Picasso de 1922. Nel achamos os antecedentes do que sería máis tarde a súa obra, concretamente os comezos da súa etapa cubista que tanto o caracterizaría. En canto a estos apreciamos nas formas dos corpos da mulleres distorsión, esto é que se agrandan brazos e pernas pero constitúen un todo homoxéneo con coherencia. Dalle importancia ao movemento sendo unha peza moi dinámica que capta a carreira das mulleres. En canto ó rostro vemos que nunha das figuras está perfilado, non así na outra e o fondo e a area son só un indicio das mesmos.

viernes, 12 de septiembre de 2014

Os videos de Neshat (Irán 1957) versan sobre a relación entre oriente e occidente, a tradición e a modernidade. Unha dicotomía que hoxe está ben presente no ideario mundial, sobre todo co incremento do fundamentalismo relixioso. En canto a estructura dos videos, estos abarcan todas as paredes do lugar de exposición para crear un espazo no que estos se comuniquen internamente, dialoguen logo. En Soliloquy, con dúas pantallas, proxecta a imaxe dunha muller de Irán a carón de outra de USA, gravadas nas súas diferentes accións vitais.

miércoles, 10 de septiembre de 2014

O primeiro ep de Fugazi titulado como a banda data do 1988. A primeira canción Watting room é unha apertura chea de poder. Un poder oscilatorio que fai que estemos á espera dun gran momento, algo parecido ós nervos antes de saír a escena. Give me the cure - o quinto tema- é un alegato a favor da curación a través de compoñentes espirituais que non pode ser causa de inmobilidade senón que ten que proporcionar axitación. Un bo comezo este disco, que só era un aperitivo do que nos esperaría despois ata a súa disolución no 2003.
The van Pelt son esa banda que exemplifica o postpunk. Activos desde 1994 despois de anos sen publicar firman un ep no 2005, un sete pulgadas titulado Same as stone. Con The good, the bad and the blind obséquianos con un tema de hardcore melódico que remite a bandas como Mogwai calmando así as notas de guitarra e deixándose levar por un sentimento elevadamente agradábel ata perpetuar a dor , que desaparece ao ver a esa persoa que nos translada a un mundo mellor salvándonos do tedio como se dunha vacuna se tratase e poñendo entre nós e a vida unha bocanada de aire fresco.

martes, 9 de septiembre de 2014

Play Ground tv ofrécenos o concerto que fixeron Delorean e Jhon Talabot no backstage do  Sonar 2010. Fixámonos en Sunshine, un experimento sonoro que invita a participar dos sons electrónicos surxidos dos instrumentos analóxicos que se transmutan con sintetizadores ( o caso do piano). Unha liña de voz que pode parecer a dun ritual dun pobo indíxena ou o mantra dun budista, na que se entrevé a palabra future. Pois si música do futuro que se instala no presente e que deixa os nosos ouvidos co rescaldo de axitación versus calma  que nos proporciona a súa música.

lunes, 8 de septiembre de 2014

Santa fe ou como esquecerse da morte da persoa amada. Beirut realizan un videopclip no que os desastres se fan múltiples pero el o protagonista pode ver rebaixada a penuria a través da imaxinación. Pensar que aínda está con el nunha praia considérase unha vía de escape, é dicir, aparatarse da realidade.A canción en cuestión, como case todas as de Beirut, vese engalanada co son da trompeta ao que acompaña a batería rexa e a voz peculiar de Zach líder da banda que asimesmo nace en Santa fe (Novo México) e que leva en activo con Beirut desde 2006.

domingo, 7 de septiembre de 2014

Kexp é unha emisora de radio de Seatle, que tamén organiza concertos con grupos de indie rock e que se poden ver na rede. Entre eles, visionamos a Delorean grupo basco que ofrece un directo contundente. As guitarras mestúranse cos sons máis electrónicos dos sintetizadores que os fan achegarse ao experimental, pero non deixan de recordarnos outras bandas como os Black Keys ou Strokes. Son un dos grupos con máis proxección internacional do momento. e segundo as súas palabras aman facer tournée por USA.

sábado, 6 de septiembre de 2014

Julia Holter canta con ese ton agudo que a caracteriza acompañada do ineludíbel son dun violín na canción This is a true heart, que vén significado por un videoclip no que prima o narcicismo con mulleres que , despois de pintarse os beizos de vermello, lle dan bicos ó espello dun hotel calquera no que elas son as espías tentando esclarecer un asasinato dunha loira que xace nunha cama. Aires hipnóticos( sobre todo nas primeiras notas) , que exhalan do barroco na liña das cordas, para unha canción que se inclúe no seu disco Loud City Song, o  terceiro disco (2013) da cantautora nada en L.A .

viernes, 5 de septiembre de 2014

Three Blind Mice é un selo xaponés fundado na década dos setenta que abarca o amplo abano da música jazz do Xapón pero que intenta dar cabida á música jazz máis experimental. Entre os músicos atopamos a Tsuyoshi Yamamoto que firma un elegante disco co seu trio; un disco rápido, exquisito e evocador que se titula Blues for Tee de 1974 no que toca o piano con unha maxestuosidade tal que recordas ós grandes como Bill Evans, e non obstante tamén se aprecia as ganas de xogar co instrumento ata facer algo que  poida denominarse simbiose.

jueves, 4 de septiembre de 2014

As nubes que pasan, unha nota de guitarra sostida e os paxaros que cantan: así comeza Towers, o videoclip de Bon Iver que ten como protagonista un vello encantador ao que lle gusta conducir polas estradas solitarias dunha vila dos USA cara un destino que non pode ser outro que o mar onde lle espera unha barca. E  el só caerá á auga para saber que pode sobrevivir a flote como se dunha ceremonia se tratase onde voan golondrinas (e queda un grolo de alcool na botella). Ela está aí para acoller os segredos dos que cantan aos subterfuxios do amor.

miércoles, 3 de septiembre de 2014

The end's not near é unha canción de Band of horses que soa a despedida, con avión e mans saudando ao ar ( imaxe da súa portada). Un lugar mellor ao que poder chegar recibindo o espazo coa valentía dos iniciados e todo isto para cantarlle ás sorpresas da vida. De fondo unha guitarra eléctrica sofisticadamente hilarante cunha base percusitiva que marca os compases ledos e calmos do ritmo xeral da peza. Unha metáfora da viaxe, dun suxeito do século xxi que acha constantes cambios e opta pola perspectiva múltiple.

martes, 2 de septiembre de 2014

Os tuaregs, en África, loitan para que se lles recoñeza como pobo. Concretamente de Mali son o grupo musical Tinariwen, que despois da súa viaxe por Occidente chegaron a recibir o Grammy no ano 2012 ao mellor album World Music.  Deíxannos un concerto no mítico Tiny Desk Concert, con tres membros ( dúas guitarras e percusión). Son unha voz para as mencionadas luitas e a súa música evócanos as mesmas pero tamén as paisaxes áridas do deserto, un algo máis poético que se mestura coa política. Unha música con raices que aposta así por gardar a tradición.

lunes, 1 de septiembre de 2014

Unha apertura que evoca unha paisaxe hawaiana durante case un minuto para dar paso á voz de Georgia Hubley ( esposa de Ira Kaplan), sinuosa e doce que lle canta ós segredos do  amor.  O videoclip desta canción de Yo la tengo ten como protagonista o surf e as perfectas ondas californianas nas que deslizarse un día de vran. Today is the day, no que pensar en ti e os recordos amoréanse nos cinco minutos que dura o tema. Eles levan facendo música dende 1984 e seguen en activo. Nós seguimos a escoitalos coa mesma emoción que ó comezo.