sábado, 28 de febrero de 2015

En La rue ( qu'est à nous) a atmósfera creada e recreada é a da gran vila francesa. O son do acordeón sempre presente fainos transladar a unha cave onde tomar un viño quente. Despois de todo o que importa e construir momentos no presente pero tamén poder viaxar coa música a lugares do pasado. Porque hay cigarras sobre terra podemos agardar un golpe de sorte acompañado previamente dun esforzo que ten que ser considerábel e mesmo decisivo-fenónemos que non son irreversíbeis-. e facer del o comezo dunha nova andaina.Je t'aime mais demain on ne peut pas savoir.

viernes, 27 de febrero de 2015

Está moi mesturado co mundo da psicoalálise nacente e o mundo dos soños. William Blake nos seus grabados debuxa personaxes mitolóxicas pasadas polo visor da súa imaxinación. Mulleres durmidas que teñen pesadelos nos que un neno e levado por un anxo, rapazas aladas que loitan contra o demo, corpos deconstruidos na súa materia dando lugar a mostros con varias calugas, un coro de nenas que danzan no claro dun bosque, homes que escreven nun pergamino sentados nunha rocha, cabalos brancos que saltan cara o sol e toda unha ladaíña de situacións e personaxes máxicas.

jueves, 26 de febrero de 2015

Heels of love ven podían estar na gran academia- quen sabe se máis tarde por obra dalgún dos membros-pero o que sabemos é que soan como tomar un zume de laranxa recén feito á mañá(sin torradas)porque baixa só e refresca. Escoitar o tema  homónimo redúcenos a un estado mixto entre o primitivo e o moderno, cousas da época...un moucho branco asexa esa festa matinal na que non hai ningún convidado-agás vós- . Repetir o novo nome das cousas para iniciar a reexistencia. Nomes novos, laranxas novas, mañás novas,...

miércoles, 25 de febrero de 2015

É un dos máximos representantes da cultura mexicana e os seus murais poden ser considerados patrimonio da humanidade ou canto menos do pobo mexicano. Podemos atopalos no castelo de Chapultpec(entre outros lugares) xunto con obras doutros muralistas como Siquieros. Estos murais representan as clases populares oprimidas polo colonizador pero tamén atopamos escenas da revolución mexicana e máis... A vida cotiá dos aztecas tamén está presente nalgunha das súas obras situadas estas no Pazo Nacional da Cidade de México. Tradición e vangarda definen o seu traballo artístico.

martes, 24 de febrero de 2015

Braque xunto con Picasso é un dos grandes fundadores do cubismo. A súa obra pictórica non está tan divulgada como a escultórica non obstante nas dúas emprega para a súa elaboración  formas xeométricas que responden a postulados minimalistas nunha época que ainda non o era. Co cubismo analítico realiza obras que son a expresión de obxectos descompostos ata o punto de resultar irrecoñecíbeis. Emprega nos lenzos(sobre todo en bodegóns) unha gama de cores no que predominan os grises cor que tamén está presente nas esculturas realizadas a meirande parte en pedra.

lunes, 23 de febrero de 2015

Porque pode aparecer nas nosas vidas un algo que traspoña todo un iderario. Si, un algo ou un alguén que nos faga pensar se os nosos valores son axeitados. Á protagonista da novela de M.R. pasoulle. Atopa a unha muller que é todo o contrario a ela, e mesmo así(ou por e-lo)sinte unha atracción case fatal. Son os contrapuntos os que nos fan poñernos en cuestión e mesmo dimisionar do pasado ou achegarnos ao futuro con outra perspectiva. Ás veces somos nós propios os que nos facemos a nos mesmos cambiar outras son os demáis. Por unha política do cambio(sendo fieis).

domingo, 22 de febrero de 2015

Unha vila debastada, unha terra debastada, un corazón debastado. Só as ruinas existen ao seu arredor. Eles, os amantes, non poden deixar de escoitar o ruido da guerra e recoñécense no leito pero non se aman, ou si pero non da forma que se quererían amar(con paz). O corpo do amante ficou coma un segredo para sempre e as verbas que se adican versan sobre corpos mutilados. Imposíbel de pechar os ollos. Hiroshima está morta, mortos os seus habitantes, morto o amor. Oui je t'aime mais comment fermer les yeux?.
A relación dunha muller co mar e co amor: o deserto vermello. Un delirante achegamento a psique da personaxe principal chea de profundidade. "Os meus ollos están mollados", cómo poderá ela ver con claridade agora. O home que está ao seu caron quere saber dos "cómos" pero non deixa de facer un balanzo superficial. Non a comprende, ou menos do que debería. Ela está soa. Co seu esposo e fillo pero soa. Mira pola fiestra pero pouco tempo o mar. Só pode mira-lo por un periodo curto de tempo. Prefire a terra, saber o que pasa ne-la, pero non chega a entender.

viernes, 20 de febrero de 2015

El pardo: "Las clases ociosas". Un tema que describe a situación postmarxista na que a ironía é o fío conductor da evolución letrística. Situación que dende a revolución industrial se mantén na actualidade pero que coa expansión masiva do capitalismo fai aparecer máis clases ociosas." Eles comen caviar e mándannos comer porco". Porque un mundo sen desigualdade é posíbel ( como?) con accións de solidaridade e non caridade. O traballo segue esclavizando e non facéndonos libres. Liberdade, fraternidade, igualdade, ...
Guilt é máis que un tema, é o resumo dunha actitude que se pode escoitar en casete. Unha viaxe sideral que nos leva a un planeta no que se poden pousar os pes, sobre materia. O ruido como parte dunha contestación: a de facer postpunk mentras uns amigos fan unhas "palomitas"de millo. Unha peli en 3 minutos que se move entre a liturxia musical e o comportamento rebelde. Berrar para deixar saír, deixar ir, ir ao encontro do encontro "il n'y a pas de hasard il y a que de reecontres". En WHPK deixannos unha boa mostra do que se pode facer con raiba(e amor)

miércoles, 18 de febrero de 2015

Non adscribirse a ningún ismo, comezar de novo e desde cero e ainda así deixarse influir por todas esas vangardas dos anos 20 das que Risco lle informaba. Manuel Antonio foi o representante da nova poesía galega que con todo se inscribía no  ideario de defensa da cultura galega . Nos seus poemas o mar e o amor son os grandes protagonistas, levándonos de travesía por confíns descoñecidos nos que pousar unha semente de metafóras que desleixan a trama para embarcarse no instinto máis primario"Eu tamén navegar", facer visíbel a nosa existencia a través da arte, da literatura.

martes, 17 de febrero de 2015

As espigas de Maruxa Mallo é unha desas pinturas que non se esquecen tanto pola compoñente visual como pola sensación que nos transmite. Nesa época era algo usual na arte galega o combinar elementos da cultura tradicional con imaxes formadas pola inercia con outos movementos como o surrealismo. Así esta peza pintada con audacia é unha mostra da internacionalización sen deixar de ter en conta as raiceiras galegas. Porque o millo (e todo o que hai arredor del) é un acto performativo da Galiza con longa tradición que se pode inscribir na vangarda  ao trata-lo creativamente.

lunes, 16 de febrero de 2015

Wat is dada? Dada is dada dada dada dada. E así ate o infinito, porque todas as brúxulas marcaban ao teu corazón reflexado nun espello, movéndose cos latexos. Ao final non quedou materia, só transcendencia metafísica e o son de dada dada( asi ate o infirnito). Despois da mañá xa veu a noite -durmías tanto- e cadanseu abrigo foi colocado no percheiro-dada dada- agás as mangas, cortadas. As sinécdoques resusitaron en dados dadas que foron tirados ao chan: un 1. Só podía quedar un? ese serei eu- dixo-.

domingo, 15 de febrero de 2015

Como poñer en relación a cidade e o mar? Pj faino. E cunha canción que é toda unha declaración de intencións: albergar a natureza na urbe e senti-la como unha parte xa constitutiva desta. Pero neste disco hai moito máis que certezas. Tamén hai preguntas, aquelas que nos facemos almorzando un café so e sós (se cadra cun disco) para enfrontarnos ao día a día que augura un encontro, insospeitado ainda que sabendo que vai suceder. Poñerse diante do futuro, facer que este incluso nos teña medo. Horses in my dream.

sábado, 14 de febrero de 2015

A memoria é unha pintura que impacta, como por outra parte, toda a produción surrealista. Xogando coa mitoloxía clásica pon no foco un busto grecolatino que é o achado da conciencia. Busto atravesado por unha bala contemporánea que o fai situarse subxectivamente nun lugar de confrontación: a guerra. Pero esta é unha guerra contra a cotidianidade que deixa ver o que temos detrás( o ceo e as nubes) e deixa ver tamén un telón de fondo como é a apropiación dos espazos xa baleiros. O rostro incólume por dentro transmite a paz esperada para todas as nacións.

viernes, 13 de febrero de 2015

Atoparás ao home da túa vida está concebido como se dunha ironía se tratase. Despois dun matrinonio falido no seu solpor preséntase a oportunidade no ocaso da vida de atopar de novo o amor. Trátase de recoñecer que nunca podemos deixar de ter esperanza en conseguir o home da nosa vida, que como neste caso,chega cando menos o esperamos e cos condicionantes de ter unha relación anterior na que el te deixa por unha muller máis nova. Somos diferentes en cada etapa, nun devir ou revolución persoal permanente e cada etapa ten as súas oportunidades.

jueves, 12 de febrero de 2015

Violeta Parra tan lúdida e sutil infire na música tradicional o ponto de vista dela mesma, esto é dunha muller. Tradición que se endoza con visións propias do amor. Unha visión que pon o foco na perda... Que he sacado con quererte, é así unha viaxe polos locus amoenus comúns dos amantes. A el diríxelle palabras tales como "ingrato", que non soubo apreciar os momentos que viviron xuntos: ver a lúa por exemplo que co tempo non mudou(pero eles si cambiaron). Unha ladaíña de seres- achados na natureza- que os contemplaron o un a carón do outro siguen existindo pero xa non así(como antes).
Obidient Grounds en The viewer é un achado no medio dun deserto, aquel percorrido con sede e fame, moita fame. Ainda que non nos alimente o ventre si deixa pouso en nós e na nosa concepción da música. Ruidismo, sintetizadores e máquinas varias para poñerse ao servizo dunha idea: a de avanzar contra o vento- agora xa pola mar- e descubrir intencións desestabilizadoras que son o preludio a unha nova etapa: a da percepción de sinais entre berros que claman un estado de hiperconciencia, a mesma que se visualiza cando estamos cegados polo sol.

martes, 10 de febrero de 2015

Swans son o grupo maldito que logrou saír da invisibilidade para facerse un oco no campo musical. A experimentación xunto con fórmulas máis xeneralizadas son a chave para chegar a un público que esixe calidade e novidade. Love will save you é máis que unha canción de amor, é un poema sonoro. Alí onde a canción nos chega ábrese o xogo de identificarse e de face-lo ouvíndoa como unha sinal do destino. O amor salvara-te e farao dun modo tan sutil que case sexa impredecíbel no seu método pero non así nas súas consecuencias.
Bauhaus asinan temas que son invitacións a unha viaxe ao interior de nós mesmos para acicalar a existencia con verbas ficcionais que deben chegar  a ese ponto máis profundo do noso ser. Unha proposta ruidista que con todo dá cabida a temas máis plácidos nos que o piano se sitúa como protagonista(sobre todo na apertura) en temas como Who killed...  nos que as luces secretas emitidas por un alguén descoñecido nos fan iluminar un almorzo no que non hai animais mortos. Tan só a morte da palabra silenciada. A morte do silenzo.

domingo, 8 de febrero de 2015

El día que me quieras é un canto ao romanticismo, ó máis puro amor tinxido con olor de rosas frescas. Gardel sempre tan achegado ao sentimento pon na súa singular voz unha balada-tango que xa fixo historia. Ateigado de referencias á natureza emprega metáforas para deslucidar a emoción que sentirá cando esa muller o ame. Todo cobrará sentido, chegará a harmonia e xa non terá máis feridas pois éstas serán cicatrizadas por ela. Cantada e recitada por momentos, chega a nós desde o máis profundo e fainos ser cómplices da espera.

sábado, 7 de febrero de 2015

Pode ser considerado un fillo do surrealismo mais a obra de Miró está cargada de estilo sui generis. Un pintor de vangarda que reifica a abstracción e que dá a luz lenzos que son soños, soños irresistíbeis que antepoñen a imaxinación á execución. Dotadas dunha carga de cor irreprimíbel as súas pinturas fan achegarnos a mundos onde o puramente estético xoga coas visións dun imaxinario que se sitúa entre a diversión e a elocuencia. Respostas a un mundo cada vez máis complexo dan conta do enorme universo interior deste pintor que reclama a antítese do canonizado.

viernes, 6 de febrero de 2015

Duras ten unha vida marcada pola ausencia sobre todo na súa infancia. Nada na Indochina francesa é ós 18 anos cando deixa este territorio para instalarse en Paris. Ausencia pola morte do pai e un irmá e asimesmo pola figura da nai que a deixa en desamparo desde nena. O feito que máis a vai marcar na adolescencia é a relación cun chinés 20 anos maior que ela e que levada á literatura vai ter o título de L'amant, escrito nas últimas décadas da súa vida cun éxito considerábel, por outra parte como outras novelas da autora tales como L'amour ou (en teatro) O xardín.

jueves, 5 de febrero de 2015

Srasrsra levan xa uns anos provocando ao público tanto coa súa posta en escena como cos seus videos. Un grupo de dous que fan moito ruído con letras que non nos deixan indiferentes como Chica joven, unha apoloxía do baile. Outros títulos como Tú que miras son un alegato do punk máis primitivo que nos pon diante dunha situación na que se afastan das miradas alleas. Crean a súa personalidade como grupo por unha actitude descarada e case biográfica- da biografía metaformada- que se escribe a golpe de batería e rasgazo de guitarra.

miércoles, 4 de febrero de 2015

Terremoto Sí disólvense pero deíxannos - xa na historia do punk coruñés-arredor dunhas dez cancións,  publicadas por discos porno e mama vanyla, que poden ser tan realistas como surrealistas pero que en todo caso e por riba de todo nos fan pensar en mundos a parte nos que poder adquirir uns folios grandes para seguir escribindo letras. O seu nome ten moito a ver coa súa música pois estamos diante dun grupo no que a velocidade e a furia está ben presente, véxase nos directos como na grabación do seu único disco. Escoitaremos a partir de agora unhas reliquias.