martes, 28 de abril de 2015

A metamorfose de Narciso pintado segundo a imaxinación de Dalí dá mostra da dualidade do ser humano nun contexto peculiar empapado de surrealismo. Si, é unha obra surrealista pero está ben trazado o mito e non deixa de ser clásico por volver ao mesmo. Unha consigna implícita: deixarse de verse no espello para ver ao outro, o que de nós se oculta no outro nun proceso de aceptación da alteridade no que sexamos cos outros unha identidade múltiple que acada un estado de recoñecemento das diferenzas e similitudes para afrontar os retos da sociedade mundializada.

lunes, 27 de abril de 2015

Remordementos é unha canción total, que se pecha en círculo e que se abre a cada acorde para resultar un algo que se parece ás cantigas de amigo. Non deixar de sorrir, ante as adversidades: aquelas que poden ser as de atoparse co mozo da nosa amiga. Non é unha historia de poligamia senón de amores que morren e amores que nacen, nunha eterna xeometría que da paso ao novo. E nese tránsito a risa tonta,  nunha melodía eterna, a do namoramento que sitúa ós amantes nun contexto no que é provábel escoitar os discos do sr. chinarro.

domingo, 26 de abril de 2015

Nace e morre no século xix e é un dos nomes que fixeron historia. Chopin representa o romanticismo musical europeo sendo este por outra parte de nacionalidade polaca. A súa imaxe é conservada nun daguerrotipo datado do 1846 feito por un fotógrafo francés en Paris, cidade á que chegou no outono de 1931.O seu primeiro concerto foi un auténtico triunfo e deu que falar no entorno cultural parisino. O levantamento de novembro en Polonia provocou que saíra do seu país sendo polo tanto un exiliado- tamén interior- ainda que a música polaca estivo presente na súa obra.

sábado, 25 de abril de 2015

Clara Schumann foi unha compositora e pianista alemá que viviu no século xix. As súas obras destilan toda a maxia do romanticismo levando a liberdade a unha posición ineludíbel no ser humano, aquela que inspira obras de arte, xa sexa en pintura ou como nesta ocasión na música. Elevar a alma a un ponto de inspiración permanente e non retorno, facendo desa vía a única opción posíbel. Piano works ten a delicadeza e a forza axeitada para ser considerada unha obra maior que presupón a consideración de estar falando dun xenio creativo.

viernes, 24 de abril de 2015

Bodegón con persiana está na Tate de Londres sendo unha das pinturas precursoras do cubismo e que data de 1914. Nela aparece un anaco de xornal que leva por título "socialiste" o que pode deixar rastro das ideas do pintor- Juan Gris- nunha época marcada pola revolución rusa e a aplicación dos presupostos marxistas que por outra vía derivarán na socialdemocracia, algo afastado da ideoloxía do autor de O capital. Os vangardistas nesas datas dos anos 10 e 20 miraban cara os procesos revolucionarios da mencionada Rusia pero tamén, como non, da revolución mexicana que a precediu.

jueves, 23 de abril de 2015

A língua e o estilo como elementos descifrábeis da poesía moderna, os únicos que a caracterizan-e como contrapunto ao real- velaí o grado cero da escritura. Apartarse do real pode ser irrealizábel non obstante pode adquirirse un certo nivel de independencia sobre el. Unha escrita neutral como a viu Barthes nas novelas de Camus, particuliarmente en L'étranger. Resulta así unha literatura sui generis realizada coa consciencia de ser artificio, de ser producto e tamén de ser autónoma e que asimesmo ten como consecuencia unha reconciliación co mundo.

miércoles, 22 de abril de 2015

Soan como unha ráfaga de vento no deserto, aquel que nos fai sentir o desterro, o desterro ficticio. Balánza-nos cara o descoñecido pero deíxan-nos coordenadas polas que guiarnos. Bitchin bajas son un super grupo que fan da electrónica o seu superego, cargado de boas vibracións, secretas e ensoñadoras. Perfecto para unha banda sonora dun filme que ainda está por facer. A melodia cambia xusto no momento en que o necesitamos: outra perspectiva, outro vieiros, todos eles polos que transitar, acelerados. E a fin nunca chega: un bucle.

domingo, 19 de abril de 2015

Eric Satie morre no 1925 e deixa un legado musical que fica e ficará na historia universal. As notas deslízanse no piano para fluir co sentimento. A abstracción das pezas elevan ao rango do sublime as súas composicións que se achan despois do xogo de buscarse ao deixarse levar polas emocións. En definitiva unha auténtica delicia escoita-lo ao piano, instrumento que foi para el un campo de experimentación que ten influencias do impresionismo pero que convoca xa un certo minimalismo imperante durante o século xx.

sábado, 18 de abril de 2015

Bodegón con mazás e laranxas de 1895-1900 é unha obra de carácter clásico que respira impresionismo cunha tonalidade ocre e azul na que o branco tamén predomina. Unha obra cuio fundo pode asemellarse a unha composición cubista pola xeometría e os difumindaos. Nunha perfecta saección aúrea a froita situáse no lenzo tendo o peso decisivo, non obstante tamén acubilla unha xarra de auga na que están debuxadas flores que intensifican o seu carácter ledo e alegre. Sinalar este aspecto supón darlle vida ós obxectos e atribuirlles cualidades por tanto que non son propias deles.

viernes, 17 de abril de 2015

Composición en vermello, amarelo e azul data de 1926 e esá influenciado pola revolución cubista. Con todo xa está inmersa no movemento de vangardas, e adianta o futuro minimalismo pero cunha maior importancia da cor. Sendo éstas as tres cores primarias o lenzo é unha oda ao xeometrismo que o relaciona co concretismo e mesmo avanza tamén o expresionismo abstracto- que aparecerá unhas décadas máis tarde nos USA-. Unha oda ao modernismo nos tempos da arte premoderna culmina coa constatación de que hai artistas que se posicionan como pioneros do que estar por vir.

viernes, 10 de abril de 2015

No retrato que realiza Modigliani de Juan Gris vemos os trazos que se perfilan como unha extensión do pincel, como un certo grado cero da pintura onde a enigmática presenza dunha aurea sui generis nos achega ao pintor cubista dun xeito tan excepcional que nos leva polos roterios da comprensión da súa alma, se este pode ser intelixida. Realzánse os seus ollos e o seu ollar está cheo de maxia, axexando ó espectador da obra que por outra parte non deixa de sinalarnos as características comúns a todos os lenzos do italiano. París outra vez como epicentro da creación.

viernes, 3 de abril de 2015

Nos murais de Pollock a cor enche a superficie de modo que é complexo distinguir figuras, non obstante éstas forman parte da esencia das súas pinturas ainda que se agochen. Unha multidude descomposta- como se se tratara dunha guerra destruíndo e mutilando os corpos deixados á barbarie-. Non hai baleiro o visual ocúpa-o todo, non hai espazo para o lenzo en branco, as imaxes resultantes abranguen a nosa totalidade, non saturándonos senón facendo multiplicar os significados. Representante do expresionismo abstracto, deslucida a emoción e transpórtanos a universos creados ad hoc.

jueves, 2 de abril de 2015

A danza vén sendo unha pintura na que as figuras- pouco perfiladas na súa constitución-ofrecen unha perspectiva de conxunto sobre un fondo abrupto por indefinido que nos achega do lado da sinerxias, aquelas producidas polo movemento que constatan a existencia de fluxos entre os corpos que acadan ritmo, transladándonos ao eido da comunicación efectiva, a da praxe na festa coa que se pretende un estado de enviagradez composto polo seguimento de liñas que non están trazadas senón que se intúen formando un círculo imperfecto no que bailar ata caer exhaustos.