domingo, 29 de marzo de 2015

In a sentimental mood, lévanos ao final dun roteiro xa andado e coñecido que nos provoca a sensación de consciencia e recoñecemento e que nos fai alcanzar un estado de calma que se conxuga cun certo grao de estupor -pois sempre achamos novas vías de comunicación e entendemento- aquel que nos proporciona a consecución dun estado no que a sorpresa é un factor a ter en conta para a realización de accións nas que os mitos son xa só unha reliquia e ésta é un tema de 4 minutos tocados pola maxestuosa man de Coltraine.

sábado, 28 de marzo de 2015

 En Bill Evans(1929-1980)as influencias do impresionismo de corte clásico europeo son fundamentais para o desenvolvemento das súas composicións, influencias nas que se apuntan nomes como Debussy ou Ravel e éste á súa vez condiciona a entre outros Hancock. As notas que emanan do seu piano fan atarecer as estrelas e xogan coas raiolas de sol nun cosmos no que nos podemos deleitar e deitar para absorver o fluxo da música creando unha cosmogonía para cada un que a escoita que pode ser, como non, tamén compartida. Escoitas colectivas que redundan nunha comunicación efectiva.

jueves, 26 de marzo de 2015

Acollida a súa obra no seo das vangardas(as históricas e as neo) Tàpies(1923-2012)constrúe-a tendo en conta os postulados do informalismo que asimesmo remiten á abstracción. Chea de simbolismo está composta de alusións metafísicas nas que reflexar un ponto de vista con respecto á existencia, aquel que pon en valor a realidade criativa como factor de constitución dunha identidade- móbil-que se achega ao humanismo(e polo tanto a Sartre). En canto á realización das mesmas, son producto da pintura matérica, incluíndo no lenzo area, cemento, arcilla, etc.

miércoles, 25 de marzo de 2015

Frank Stella é coñecido por ser un dos principais representantes da abstracción pictórica e mesmo do minimalismo, non obstante con respecto a éste varía a construcción dos lenzos empregando non xa sobre todo o branco e negro senón as cores. Nel achamos influencias inevitábeis de Kandinsky, que desde Rusia impregnou a arte de USA-tamén de Europa occidental-, e tamén do expresionista abstracto Pollock. Moitas das súas composicións achégannos á técnica do collage, sendo un dos primeiros en introducir materiais como a madeira nelas.

martes, 24 de marzo de 2015

A improvisación como factor criativo, Monk acólle-o como consubstancial á arte musical que, elevada ao rango de espiritualidade, constrúe unha espiral jazzsística na que deixar o seu talento. Si, tamén a negritude foi un elemento destacábel na súa traxectoria-como en moitos outros nomes do jazz- facendo das composicións un movemento político, aquel que quere dignificar o valor dos homes e mulleres negros en loita contra o racismo perante unha sociedade maldita na que prolifera a alienación e que actúa como opresora máis tamén en función dun vínculo común simbólico como libertadora.

sábado, 21 de marzo de 2015

Innovación e ruptura, achados e transformación. Dándolle especial relevancia ás cores forma un metauniverso no que a figura se descompón á maneira dos cubistas e surrealistas pero sendo xa produto da modernidade posterior- á que se adianta- e das novas vangardas que rachan coas anteriores(dos anos 20, da que forma parte nun primeiro momento) e poñen no foco da historia  da arte un novo ponto de partida: o comezo do expresionismo abstracto. Foi denunciada a súa obra polos nazis considerándoa estos como arte dexenerada.

viernes, 20 de marzo de 2015

Blood diamonds con Heart fan un exercicio de compensación emocional levando ao extremo a súa concepción da música e condensándoa ao mesmo tempo. Pinceladas de electrónica rezuman na súa sonoridade facendo que o baile se convirta no medio para a consecuación dun pracenteiro estado anímico e na terapia para alonxar os malos augurios. O ritual da danza desomposto en fragamentos rítmicos cos que reflexar e dilucidar a emoción-ela soa-deixando a razón sentada nun cómodo sofá dunha galería de arte.

miércoles, 18 de marzo de 2015

B.R.M.C. é un disco que nos avoca a un presente concreto, aquel que se escribe con maiúsulas e que anima o voo dos corvos-animais tan pouco domésticos como os tigres- facendo desta hora un diálogo coa contemporaneidade- a do rock-. Todo vai suceder por e para este. E mesntras tanto queda encher os ocos. Cubrir os feitos diarios cun veo de compoñentes líricos, intimistas e ao mesmo tempo universais. Recalcar o baleiro dunha praia abandonada e por nós novamente habitada como se da reapropiación da natureza se tratase.

lunes, 16 de marzo de 2015

La cruz verde é unha canción pausada que destila cotidianidade e savoir faire(no que á lírica se refire). Unha composición na que se desvela a razón de ser da respiración-profunda por primeira vez- na que o silencio pode ser o factor x das mesmas vivencias. Porque as camisas de cadros ficaron no fondo do armario e os berros dos nenos no xardín fannos pensar que aínda hai vida máis aló da poesía. Pero ainda non sabemos de onde provén esa cruz, verde, sendo tamén o de menos. Medo a caer, a non respirar-por primeira vez-. Pintemos os nosos beizos de cor vermella.

domingo, 15 de marzo de 2015

Deep concentration agroma sementes de espiritualidade que nacen dunha escoita que tamén pode ser despistada, pois atópanos en cada volta da esquina. Andar para levar o ritmo na ruta, aquela quen nos leva á capital, ao centro, á vila, esa que nos acolle como se nunca deixaramos de estar alí. Un paseo polas profundidades. Un anaco de existencia que ven da man da música e da viaxe. Propoñer epitafios para a morte de cada día, reconstituir lembranzas coa dor do nacemento. A concentración como maneira de entrar e sair do trance. Perecer como as follas caducas, que sabemos que van volver á arbore.

sábado, 14 de marzo de 2015

Nurse with wound: un taladro para furar a parede  e colgar un espello no que verse de vez en cando. Só de cando en vez. Porque o rostro non é alleo ás traslacións do tempo e espazo. Un lugar onde contar o paso do tempo: o rostro. Un obxecto para verse en abismo. Unhas coordenadas para transitar na epopea dun mito. Esculpir no tempo, co tempo ó tempo e reiterar a dúbida da similitude dunha escultura co corpo real. A erosión de esa escultura é tamén este disco. Un cálido reencontro coa materia, unha reexistencia(múltiple e acumulada).

miércoles, 11 de marzo de 2015

O enigma desvela a decadencia do xénero humano ata o ponto de valerse da morte como medio. Un ser raro, moi raro que vén sendo produto do desleixamento e a barbarie. Porque non hai vida plena senón hai comunidade e porque é moi triste que haxa persoas que non poidan vivir nesta, achamos, nas súas propias palabras que para el é mellor estar aillado, esa é a súa escolla-que por outra parte tivo que abandoar-. E abonda con tocar o piano nunha festa da alta sociedade para sementar as dúbidas sobre o seu comportamento. Inusual, sofisticado e salvaxe.

martes, 10 de marzo de 2015

S/T é unha fosa no fondo do océano, ferida pola erosión e recomposta. But not with you... que será do soliloquio nas escaleiras sen que ti o escoites acochado. E a luz entra pola fiestra que da ao bosque no que asistimos á tala das árbores que o deixan baleiro. A auga cae sobre eles xa arricandos da terra e fai que xordan polas, que manteñen viva a materia. I will be born again, outro ponto de partida o que nos sitúa no obxectivo desa cámara que levas para facer retratos. Non só. Outro ponto de chegada no que asistir a recomposición da escena.

lunes, 9 de marzo de 2015

Siouxie ben podería ser atopada na barra dun bar no que penduran esqueletes e onde se escoita música pode ser dela mesma. Non é unha artista radical pero tampoco deixa de se-lo. Wating for me é unha maneira de dirixirse con ousadía a un ti que escoita. Algunhas das súas cancións lévan-nos polos roteiros do barroquismo lírico e técnico ata chegar a un círculo de convidados que se moven arredor do lume e que manifestan os seus desexos a través dun conxuro. Osbcuridade con claridade(a ésta última axúdalle o magno satélite) que se irmandan.

domingo, 8 de marzo de 2015

Zen Arcade é un disco que ben se puido facer nun depósito de coches, alí onde atopar xoias que poden ser devoltas á sociedade de consumo. Con toda a forza transpórtannos ao eido do salvaxe, pero daquel xa domesticado, que impugna un ideario no que faltan cataclismos e saltos ao baleiro-mellor metafóricos- os cales son siluetas na noite e almorzos na mañá, obviando os cambios de perspectiva por seren un plano secuencia que nesta ocasión dura unha hora 10. E ata onde chegar? Ata o parking máis próximo. Maletas e metas.

sábado, 7 de marzo de 2015

Becuz é outra forma de escribi-lo pero trátase do mesmo:  afondar nas profundidades dunha máquina de lavar para atoparse con pedras que caen dun peto duns pantalóns vaqueiros. Algo así como un tesouro domesticado porque as xoias tamén se meten na lavadora( si, por descoido) e tamén se erosionan-como o amor, díganllo a Kim-. Porque non é unha canción tímida senón un alegato: o da liberdade. A realidade pode volverse máis real cando achamos un anaco, ainda que só sexa un anaco, doutras existencias. Duras elas como a pedra, valiosas elas como un tesouro.

jueves, 5 de marzo de 2015

Os deuses en Mesoamérica(así en plural)dan conta dunha realidade mística diferente á occidental na que só hai un deus. Así achamos esculturas que os representan nas que as figuras dos mesmos van   acompañadas de elementos da natureza. É o caso do deus da choiva representado con mazorcas de millo xa que responsábel da colleita. Pero tamén é deus da tormenta, dos raios, remitíndonos aquí a unhas atribucións pexorativas e destructuras que se relacionan co igneo. Esta peza exhíbese en Oaxaca no Museo nacional de antropoloxía e leva o nome de Cocijo.

miércoles, 4 de marzo de 2015

De espaldas al patriarcado firman letras que nos remiten ao imaxinario libertario pero non aquel dos plafletos senón das profundidades, das mesmas relacións véxase neste caso as dunha rapaza co seu compañeiro e din poñéndose na voz del "un grupo de mulleres por qué non podo estar eu", e responden apelando á soridade aquela que une a mulleres nunha loita común. Pasaron moitos anos desde o movemento sufraxista pero non tanto desde os 60 cando se consolida o inicio do feminismo. Que existan bandas como ésta fai pensar que non todo está feito.


martes, 3 de marzo de 2015

Ohio é unha cápsula de vitalidade firmada por Damien Jurado, autor sensíbel, encantador. Porque sempre vai haber algo ao que cantar e por qué non esto pode ser á familia ou a súa metonimia, a casa. Ésta está onde está o noso corazón o cal permite constituirnos como suxeitos nómadas(en perpetua transformación) coa alma sempre pendente de verbas, feitas cancións, que emanan do máis profundo do corazón. Fai moito tempo que non se  traslada a esoutra casa aló onde cruzou pontes(que o unían a ti e que agora están ardendo), pontes antigas como o amor, como as casas.